Ir ó contido

Ir ó índice

LECCIÓN 4

Fixo felices a seu pai e mais a Xehová

Fixo felices a seu pai e mais a Xehová

Ves a nena do debuxo?— É a filla dun home chamado Iefté. A Biblia non di como se chamaba, pero si explica que fixo felices a seu pai e mais a Xehová. Imos aprender máis dela e de seu pai, Iefté.

Iefté era un home bo, e pasaba moito tempo ensinándolle á súa filla cousas acerca de Xehová. Tamén era un home forte, e sabía mandar. Por iso, os israelitas pedíronlle que dirixise unha batalla contra os seus inimigos.

Iefté pediulle a Deus que lle axudase a gañar a batalla. E prometeulle a Xehová que, se gañaba, entregaríalle a primeira persoa que o recibise ó volver á casa. Esa persoa tería que vivir cerca do tabernáculo de Deus para traballar alí o resto da súa vida. O tabernáculo era o sitio onde a xente adoraba a Deus naquel tempo. Pois ben, Iefté gañou a batalla! Sabes quen foi a primeira persoa que saíu da súa casa cando volveu?—

Pois si, foi a súa filla! Era a única que tiña, e agora Iefté tería que mandala lonxe da casa. Isto púxoo moi triste... pero recorda: fixera unha promesa. Entón, a súa filla díxolle: “Papá, se lle fixeches unha promesa a Xehová, tes que cumprila”.

Ela tamén se puxo triste. No tabernáculo non podería casar nin ter fillos. Pero, por riba diso, quería cumprir a promesa do seu pai e facer feliz a Xehová. Para ela, isto era máis importante que casar ou ter fillos. Así que deixou a súa casa, e viviu onda o tabernáculo o resto da súa vida.

Pensas que a súa decisión fixo felices a seu pai e mais a Xehová?— Claro que si! Se ti tamén es obediente e queres a Xehová, serás como a filla de Iefté. E así farás moi felices a teus pais e mais a Xehová.

MÍRAO NA TÚA BIBLIA

  • Deuteronomio 6:4-6

  • Xuíces 11:30-40

  • 1a Corintios 7:37, 38