LECCIÓN 11
Como nos axudan os principios que contén a Biblia?
1. Por que necesitamos unha guía?
A sabedoría do noso Creador é moi superior á nosa. Quérenos e coida de nós coma un pai; a súa idea non era que vivísemos independizados del (Xeremías 10:23). Por iso, igual que un neno necesita axuda e consello dos seus pais, nós precisamos que Deus nos guíe (Isaías 48:17, 18). A guía que nos dan os principios bíblicos é un valioso regalo Seu. Le 2a Timoteo 3:16.
As leis e os principios de Xehová ensínannos o mellor modo de vivir a nosa vida agora. Tamén nos ensinan como obter no futuro bendicións eternas. Xa que foi el quen nos creou, é natural que estableza as súas normas porque sabe o que máis nos convén; por iso faremos ben en aceptar con gusto a súa guía. Le Salmo 19:8, 12 (19:7, 11, NM); Apocalipse 4:11.
2. Que son os principios bíblicos?
Os principios bíblicos son verdades fundamentais e eternas que abarcan diversos aspectos da vida. As leis poden ser aplicables a situacións máis concretas (Deuteronomio 22:8). Para saber como aplica certo principio nunha situación concreta, necesitamos usar o noso entendemento (Proverbios 2:10-12). Por exemplo, a Biblia ensina que a vida é un regalo de Deus. Este é un principio fundamental que podemos aplicar no traballo, na casa e cando viaxamos, xa que nos recorda a importancia de tomar as debidas precaucións e non poñer a vida de ninguén en perigo. Le Feitos 17:28.
3. Cales son os dous principios máis importantes?
Xesús destacou dous principios de suma importancia. O primeiro deles está ligado ó propósito mesmo da existencia humana: coñecer, amar e servir con fidelidade a Deus. Debemos ter en conta este principio en tódalas nosas decisións (Proverbios 3:6). Deste xeito, poderemos ser amigos de Deus, gozar de felicidade verdadeira, e obter vida eterna. Le Mateo 22:36-38.
O segundo principio axúdanos a levarnos ben con outros (1a Corintios 13:4-7). Sempre que o seguimos, estamos a imitar o xeito en que Deus trata as persoas. Le Mateo 7:12; 22:39, 40.
4. Como nos benefician os principios bíblicos?
Os principios bíblicos fomentan o amor como base da unidade familiar (Colosenses 3:12-14). A Palabra de Deus tamén protexe a familia ó establecer que o matrimonio debe ser unha unión permanente. Le Xénese 2:24.
Seguir os principios que a Biblia ensina tamén protexe a nosa saúde física e emocional. Por exemplo, en moitos traballos prefiren contratar traballadores que viven de acordo con tales principios e que, polo tanto, son honestos e responsables (Proverbios 10:4, 26; Hebreos 13:18). Na Biblia tamén aprendemos a importancia de conformarnos con ter cubertas as necesidades básicas, e a valorar por enriba de todo a nosa amizade con Deus. Le Mateo 6:24, 25, 33; 1a Timoteo 6:8-10.
Aplicar os principios bíblicos incluso é bo para a nosa saúde (Proverbios 14:30; 22:24, 25). Por exemplo, protéxenos das consecuencias do abuso da bebida (Proverbios 23:20). Xehová permítenos tomar bebidas alcohólicas, pero sempre con moderación (Salmo 104:15; 1a Corintios 6:10). Os principios e as leis de Deus benefíciannos ademais ó ensinarnos a ter conta non só do que facemos, senón tamén do que pensamos (Salmo 119:97-100). Os cristiáns verdadeiros non só obedecen as normas de Deus porque lles vai ben, senón para honrar a Xehová. Le Mateo 5:14-16.