Ir ó contido

Ir ó índice

PREGUNTA 1

Teño claro quen son eu?

Teño claro quen son eu?

POR QUE É IMPORTANTE

Saber quen es e cales son os teus valores axudarache a facer o correcto cando esteas baixo presión.

TI QUE FARÍAS?

Imaxina a seguinte situación. Carolina non leva máis de dez minutos nunha festa, cando escoita detrás dela unha voz coñecida.

“Que fas aí pasmando?”.

Carolina vírase e ve a súa amiga Andrea, que se achega con dúas cervexas na man. Ofrécelle unha e dille: “Ti xa tes idade para pasalo ben, non?”.

Carolina quere rexeitar a cervexa, pero Andrea é amiga súa e non quere que pense que é unha aburrida. Ademais, Andrea é boa rapaza e ela está bebendo, así que non debe ser para tanto. Carolina pensa: “Non é máis que unha cervexa, non é coma tomar drogas”.

Se estiveses na súa situación, ti que farías?

PÁRATE A PENSAR

Para tomar boas decisións en situacións coma esta, necesitas ter definida a túa identidade, é dicir, coñecerte a ti mesmo e saber cales son os valores que defendes. Se o tes claro, serás capaz de controlar a túa vida en vez de deixar que outros a controlen por ti (1 Corintios 9:26, 27).

Como podes conseguilo? Empeza por contestar as seguintes catro preguntas.

1 CALES SON OS MEUS PUNTOS FORTES?

Se sabes cales son as túas habilidades e os aspectos positivos da túa personalidade, gañarás confianza en ti mesmo.

EXEMPLO DA BIBLIA. O apóstolo Paulo escribiu: “Terei pouca elocuencia pero non pouca ciencia” (2 Corintios 11:6). Como coñecía moi ben as Escrituras, Paulo puido manterse firme cando outros o puxeron a proba. Non deixou que os seus puntos débiles o fixesen perder a confianza en si mesmo (2 Corintios 10:10; 11:5).

COÑÉCETE MELLOR. Escribe un talento ou unha habilidade que teñas.

Agora describe unha calidade na que destaques (por exemplo: es cariñoso, xeneroso, responsable ou puntual?).

2 CALES SON OS MEUS PUNTOS DÉBILES?

Do mesmo xeito que unha cadea rompe polo elo máis débil, ti poderías perder nun momento a túa identidade, é dicir, esquecer quen es, se te deixas controlar polas túas debilidades.

EXEMPLO DA BIBLIA. O apóstolo Paulo coñecía ben os seus puntos débiles. Escribiu: “Na intimidade do meu ser comprázome coa Lei de Deus, pero vexo outra lei no meu corpo, que lle fai a guerra á lei da miña razón, escravizándome á lei do pecado” (Romanos 7:22, 23).

COÑÉCETE MELLOR. Que puntos débiles necesitas aprender a controlar?

3 QUE OBXECTIVOS TEÑO?

Subirías a un taxi e diríaslle ó condutor que dese voltas arredor dun bloque de edificios ata que quedase sen combustible? Sería unha parvada e sairíache caro, non si?

Que aprendemos? Ter obxectivos na vida axúdanos a avanzar nunha dirección en vez de andar en círculos. Saberás onde ir e como chegar.

EXEMPLO DA BIBLIA. Paulo escribiu: “Corro, pero non ó que saia” (1 Corintios 9:26). El non se deixaba levar polas cousas que lle ían pasando. Tiña uns obxectivos e vivía de acordo con eles (Filipenses 3:12-14).

COÑÉCETE MELLOR. Escribe tres obxectivos que che gustaría cumprir durante este ano.

4 CALES SON AS MIÑAS CONVICCIÓNS?

Se tes ben definida a túa identidade, serás coma unha árbore ben plantada capaz de resistir calquera treboada.

Sen conviccións, é máis difícil tomar decisións. Igual cós camaleóns, cambiarás constantemente para parecerte ós teus amigos. Quen se comporta así demostra non ter identidade propia.

En cambio, cando actúas de acordo coas túas conviccións, mantés a túa identidade independentemente do que fagan outros.

EXEMPLO DA BIBLIA. Sendo un adolescente, o profeta Daniel propúxose obedecer as leis de Deus, malia que o separaran da súa familia (Daniel 1:8). Deste xeito, sempre foi fiel a si mesmo. Daniel viviu a súa vida de acordo coas súas conviccións.

COÑÉCETE MELLOR. Cales son as túas conviccións? Por exemplo: cres en Deus? En tal caso, por que? Que te convence a ti persoalmente da súa existencia?

Cres que os valores morais de Deus son para o teu ben? En tal caso, por que?

En resumo, prefires ser coma unha folla que vai e vén movida por calquera brisa, ou coma unha árbore que resiste calquera treboada? Define ben a túa identidade e serás coma esa árbore, o cal che axudará a responder á pregunta: “Teño claro quen son eu?”.