Ir ó contido

Ir ó índice

ARTIGO DE ESTUDO 30

CANCIÓN sn 52 “Garda o corazón”

Que aprendemos dos reis de Israel?

Que aprendemos dos reis de Israel?

“Veredes de novo a diferencia entre o xusto e o malvado, entre quen serve ó Señor e quen non o serve” (MAL. 3:18).

OBXECTIVO

Aprender como xulgou Xehová os reis de Israel para entender que espera de nós.

1, 2. Que di a Biblia sobre algúns reis de Israel?

 A BIBLIA menciona a máis de corenta homes que foron reis de Israel e fala con moita franqueza de cousas que fixeron algúns deles. a Por exemplo, conta como incluso os reis bos fixeron algunhas cousas malas. Pensa no rei David. Xehová dixo del: “O meu servo David, que [...] me seguiu de todo corazón, facendo sempre o que é xusto ós meus ollos” (1 Reis 14:8). Pero este home cometeu inmoralidade sexual cunha muller casada e planeou a morte do seu marido na guerra (2 Sam. 11:4, 14, 15).

2 Por outro lado, moitos dos reis infieis fixeron algunhas cousas boas. Por exemplo, Xehová describiu a Roboam como un home que “obrou mal” (2 Crón. 12:14). Pero este rei obedeceu o mandato de Deus de non loitar contra as dez tribos e de permitirlles que escollesen outro rei. Ademais, fortificou moitas cidades no seu reino para protexer os servos de Deus dos inimigos (1 Reis 12:21-24; 2 Crón. 11:5-12).

3. Que podemos preguntarnos, e que imos analizar neste artigo?

3 Sabendo isto poderiamos preguntarnos: “Se os reis de Israel fixeron cousas boas e malas, en que se baseou Xehová para decidir se un rei foi fiel ou non?”. A resposta axudaranos a entender que espera el de nós. Imos analizar tres factores que seguramente tivo en conta Deus ó xulgar os reis de Israel: 1) se o serviron cun corazón completo, 2) se se arrepentiron cando cometeron erros e 3) se o seguiron servindo como el quere.

SERVIRON A XEHOVÁ CUN CORAZÓN COMPLETO

4. Cal é unha das diferenzas entre os reis fieis e os infieis?

4 Os reis que fixeron feliz a Xehová adorárono cun corazón completo. b O rei Ioxafat “serviu ó Señor de todo corazón” (2 Crón. 22:9). Falando de Ioxías, a Biblia di: “Non houbera rei ningún, nin veu outro despois, que se convertese ó Señor coma el, de todo corazón” (2 Reis 23:25). E que hai de Salomón, quen ó final da súa vida fixo cousas malas? Ó falar do seu corazón, a Biblia di: “Non o tiña por enteiro co Señor” (1 Reis 11:4). E sobre Abías, outro rei infiel, a Palabra de Deus di: “O seu corazón non estivo enteiro co Señor” (1 Reis 15:3).

5. Explica que significa servir a Xehová cun corazón completo.

5 Entón, que significa servir a Xehová cun corazón completo? Unha persoa cun corazón completo non adora a Deus só porque sabe que debe facelo. Máis ben, faino porque o ama de verdade e o respecta. Ademais, mantén estes sentimentos durante toda a súa vida.

6. Como podemos seguir tendo un corazón completo? (Proverbios 4:23; Mateo 5:29, 30).

6 Como podemos imitar os reis fieis e manter un corazón completo? Evitando calquera cousa que poida debilitar o noso amor por Xehová. Por exemplo, temos que ter coidado coas cousas que vemos e facemos no noso tempo libre. Tamén debemos ter coidado coas malas compañías e coa forma de pensar materialista deste mundo. Se nos damos conta de que algo está empezando a debilitar o noso amor por Xehová, decidámonos a desfacernos diso inmediatamente (le Proverbios 4:23; Mateo 5:29, 30).

7. Por que é importante evitar as malas influencias?

7 Non podemos deixar que o noso corazón se divida. Se non temos coidado poderiamos enganarnos a nós mesmos pensando que, se estamos moi ocupados facendo cousas por Xehová, as malas influencias non nos afectarán. Pensa no seguinte exemplo. Imaxínate que estás fóra un día moi frío e con moito vento. Cando chegas á casa, pos a funcionar unha estufa. Pero que pasaría se deixases aberta a porta da entrada? Que a túa casa quedaría fría rapidamente. Cal é a idea? Que para manter unha boa relación con Xehová necesitamos facer algo máis que alimentarnos espiritualmente. Tamén temos que pecharlles a porta ás malas influencias para que o “aire” frío deste mundo, é dicir, calquera cousa que poida debilitar o noso amor por Xehová, non entre no noso corazón e o divida (Ef. 2:2).

ARREPENTÍRONSE CANDO COMETERON ERROS

8, 9. Como reaccionaron o rei David e o rei Ezequías cando os corrixiron? (Ver a imaxe).

8 Tal e como dixemos antes, o rei David pecou gravemente. Pero cando o profeta Natán lle dixo como se sentía Xehová por culpa do seu pecado, este rei foi humilde e arrepentiuse (2 Sam. 12:13). David non finxiu estar arrepentido para así enganar a Natán ou evitar que o castigasen. As palabras que escribiu no Salmo 51 sobre o seu pecado con Batxeba demostran que se sentía realmente mal polo que fixera (Sal. 51:5, 6, 19 [51:3, 4, 17, TNM]).

9 O rei Ezequías tamén pecou contra Xehová. A Biblia di que este home se volveu arrogante e que “atraeu sobre si, sobre Xudá e sobre [Xerusalén] a cólera do Señor” (2 Crón. 32:25). Por que se volveu orgulloso Ezequías? É posible que se crese superior porque era moi rico, porque ganou ó loitar contra os asirios ou porque curou milagrosamente da súa enfermidade. Quizais o orgullo foi o que o levou a ensinarlles ós babilonios as súas riquezas. Debido a isto, o profeta Isaías díxolle que Xehová non estaba contento con el (2 Reis 20:12-18). Pero igual que David, foi humilde e arrepentiuse (2 Crón. 32:26). Entón, como viu Xehová a Ezequías? Como un rei fiel que “fixo o que é debido ós ollos do Señor” (2 Reis 18:3).

O rei David e o rei Ezequías arrepentíronse humildemente cando os profetas lles dixeron como se sentía Xehová por culpa dos seus pecados (ver os parágrafos 8 e 9).


10. Que fixo o rei Amasías cando o corrixiron?

10 O caso do rei Amasías de Xudá foi moi diferente. El fixo o que estaba ben “aínda que non de todo corazón” (2 Crón. 25:2). Que fixo mal? Despois de que Xehová lle axudase a derrotar os edomitas, ou idumeos, Amasías empezou a adorar os seus deuses. c E cando o profeta de Xehová foi falar con el sobre o que estaba facendo, non quixo escoitalo e botouno de alí (2 Crón. 25:14-16).

11. Segundo 2 Corintios 7:9, 11, que debemos facer para que Xehová nos perdoe? (Ver tamén a imaxe).

11 Que aprendemos destes exemplos? Cando pequemos temos que arrepentirnos e facer todo o que poidamos para evitar cometer os mesmos erros. Como reaccionaremos se os anciáns da congregación nos dan un consello, incluso sobre algo que parece non ter moita importancia? Non debemos sentir que están en contra nosa nin que Xehová xa non nos quere. Incluso os reis de Israel que foron bos necesitaron que os aconsellasen e os corrixisen (Heb. 12:6). Cando nos corrixan debemos 1) ser humildes, 2) facer os cambios necesarios e 3) seguir servindo a Xehová de todo corazón. Se nos arrepentimos cando cometemos un erro, Xehová perdoaranos (le 2 Corintios 7:9, 11).

Cando nos corrixen debemos 1) ser humildes, 2) facer os cambios necesarios e 3) seguir servindo a Xehová de todo corazón (ver o parágrafo 11). f


SEGUIRON SERVINDO A XEHOVÁ COMO EL QUERE

12. Que diferenciou especialmente os reis fieis dos infieis?

12 Os reis que Xehová considerou fieis seguiron adorándoo da maneira que el quere. Ademais animaron o pobo a facer o mesmo. Por suposto, como xa vimos, ás veces fixeron cousas mal. Pero adoraron só a Xehová e esforzáronse por eliminar a idolatría de toda a nación. d

13. Por que Xehová considerou que Acab era un rei infiel?

13 Que hai dos reis que Xehová xulgou como infieis? O certo é que non todo o que fixeron estaba mal. Incluso o malvado rei Acab demostrou un pouco de humildade e arrepentimento cando Nabot foi asasinado pola súa culpa (1 Reis 21:27-29). Ademais construíu cidades e ganou batallas para Israel (1 Reis 20:21, 29; 22:39). Pero fixo algo moi malo do que nunca se chegou a arrepentir. Baixo a influencia da súa muller, promoveu a adoración falsa (1 Reis 21:25, 26).

14. a) Por que Xehová considerou que Roboam era infiel? b) Que caracterizou á maioría dos reis de Israel?

14 Pensa en Roboam, outro rei infiel. Como vimos no parágrafo 2, fixo moitas cousas boas. Pero cando o seu reino se fixo forte, empezou a adorar outros deuses e deixou de obedecer a Lei de Xehová (2 Crón. 12:1). Despois disto, unhas veces adoraba a Xehová e outras a deuses falsos (1 Reis 14:21-24). Pero Roboam e Acab non foron os únicos reis que deixaron de servir a Xehová. De feito, a maioría dos reis de Israel practicaron a adoración a deuses falsos e promovérona entre o pobo. Está claro que Xehová tiña moi en conta como o adoraban á hora de decidir se un rei era bo ou malo.

15. Por que é tan importante para Xehová que o adoremos só a el?

15 Por que era tan importante para Xehová a adoración? Primeiro, porque os reis eran responsables de axudarlle ó pobo a servir a Xehová da maneira correcta. Ademais, porque adorar deuses falsos leva a cometer outros pecados graves e a tratar mal os demais (Os. 4:1, 2). Por outro lado, tanto os reis de Israel coma todo o pobo estaban dedicados a Xehová. Por iso a Biblia di que cando adoraban deuses falsos era coma se cometesen adulterio (Xer. 3:8, 9). Cando unha persoa comete adulterio rómpelle o corazón á súa parella. De maneira parecida, cando un servo de Xehová non se mantén fiel e adora deuses falsos faille moito dano (Deut. 4:23, 24). e

16. Que diferencia especialmente unha persoa boa dunha mala ós ollos de Xehová?

16 Que leccións podemos aprender? Que temos que estar decididos a rechazar calquera cousa que estea relacionada coa relixión falsa. Ademais, debemos adorar sempre a Xehová da maneira que el quere e manternos ocupados no seu servizo. O profeta Malaquías explicou de maneira moi clara o que diferencia unha persoa boa dunha mala ós ollos de Xehová. El escribiu: “Veredes de novo a diferencia entre o xusto e o malvado, entre quen serve ó Señor e quen non o serve” (Mal. 3:18). Así que, se queremos que Xehová nos considere persoas xustas non podemos permitir que nada, nin sequera as nosas imperfeccións e erros, nos desanime ata o punto de que deixemos de adoralo. O feito de deixar de servir a Xehová xa é un pecado grave.

17. Por que debemos ter coidado ó escoller con quen casar?

17 Se estás solteiro e estás pensando en casar, as palabras de Malaquías poden axudarche a escoller unha boa parella. Pensa nisto: cres que Xehová considerará xusta unha persoa que non o serve, por moi boas cualidades que teña? (2 Cor. 6:14) Se casas con esa persoa, axudarache a ser máis amigo de Xehová? Recorda o que lle pasou a Salomón. É posible que as súas mulleres pagás tivesen algunhas cualidades boas. Pero como non servían a Xehová, pouco a pouco, fixeron que Salomón adorase deuses falsos (1 Reis 11:1, 4).

18. Que deben ensinarlles os pais ós seus fillos?

18 Os pais podedes usar os exemplos dos reis que aparecen na Biblia para axudarlles ós vosos fillos a ter o desexo de servir a Xehová. Axudádelles a entender que os reis que Xehová aprobou foron os que o adoraron a el e tamén animaron a outros a facer o mesmo. Ensinádelles, coas vosas palabras e co voso exemplo, que as actividades espirituais como estudar a Biblia, asistir ás reunións e predicar, son máis importantes que calquera outra cousa (Mat. 6:33). Senón, é posible que sirvan a Xehová simplemente porque vós o facedes pero non porque eles queiran. Se iso pasa, quizais non lle dean importancia a adorar a Xehová ou incluso deixen de facelo por completo.

19. Que esperanza hai para os que deixaron de servir a Xehová? (Mira tamén o recadro “ Podes volver a Xehová!”).

19 Se alguén deixou a Xehová, significa iso que nunca poderá volver a ser o seu amigo? Non, pode arrepentirse e servilo de novo. Para iso, é posible que teña que deixar a un lado o seu orgullo e aceptar a axuda dos anciáns da congregación (Sant. 5:14). Calquera esforzo que teñamos que facer por volver a ser amigos de Xehová vale a pena.

20. Se imitamos os reis fieis, como nos verá Xehová?

20 Entón, que leccións aprendemos dos reis de Israel? Podemos ser como os reis fieis se seguimos servindo a Xehová cun corazón completo. Aprendamos dos nosos erros, arrepintámonos e corrixamos o que sexa necesario. Recordemos a importancia de adorar só o único Deus verdadeiro. Así que mantente fiel a Xehová para que el te vexa como alguén xusto!

CANCIÓN sjj 45 O sentir do meu corazón

a Neste artigo, a expresión reis de Israel fai referencia a tódolos reis que gobernaron sobre o pobo de Xehová, sen importar se reinaron sobre as dúas tribos de Xudá, sobre as dez tribos de Israel ou sobre as doce tribos.

b IDEA IMPORTANTE: A Biblia usa moitas veces a palabra corazón para falar da persoa interior, o que inclúe os seus desexos, pensamentos, actitude, motivacións e metas.

c Naqueles tempos, os reis que non eran israelitas a miúdo adoraban os deuses das nacións que conquistaran.

d O rei Asá cometeu pecados moi graves (2 Crón. 16:7, 10). A pesar diso a Biblia di que este rei fixo o que estaba ben ós ollos de Xehová. Aínda que ó principio rechazou a corrección que Xehová lle deu por medio dun profeta, é posible que despois se arrepentise. En xeral, Deus viu nel máis cousas boas que malas. É destacable que Asá adorou só a Xehová e se esforzou por eliminar a idolatría do seu reino (1 Reis 15:11-13; 2 Crón. 14:1-4 [14:2-5, TNM]).

e Podemos ver que a adoración é algo moi importante para Xehová porque os primeiros dous mandamentos da Lei mosaica prohibían adorar a calquera cousa ou persoa que non fose Xehová (Éx. 20:1-6).

f DESCRICIÓN DA IMAXE: Un ancián xove dille a un irmán que está preocupado polo seu consumo de alcohol. O irmán acepta con humildade o consello, fai os cambios necesarios e segue servindo a Xehová fielmente.