Ir ó contido

O tempo no que os valores morais se viñeron abaixo

O tempo no que os valores morais se viñeron abaixo

O tempo no que os valores morais se viñeron abaixo

CANDO dirías que comezaron a virse abaixo os valores morais? Na túa xeración, ou pensas que xa foi de antes? Algúns din que a Primeira Guerra Mundial, que empezou en 1914, marcou o comezo dunha era de decadencia moral sen precedentes. O profesor de Historia Robert Wohl escribiu no seu libro The Generation of 1914: “Os que sobreviviron á guerra están convencidos de que en agosto de 1914 terminou un mundo e empezou outro”.

Un historiador chamado Norman Cantor di: “En todas partes o comportamento da xente foi a peor. Durante a Primeira Guerra Mundial matouse a tantas persoas que a vida xa non tiña valor. Políticos e mandos militares enviaban a xente á guerra sen importarlles cantos deles ían morrer. Como consecuencia as persoas deixaron de preocuparse unhas polas outras e empezaron a tratarse con crueldade”.

Outro historiador afirma que a idea do que está ben e o que está mal cambiou moito cando a xente empezou a crer na evolución. Algúns sostiñan que os humanos non somos máis ca outro tipo de animal, aínda que máis intelixente. Segundo este historiador, algunhas persoas comparaban a xente con cans salvaxes e dicían que era normal usar a violencia contra os máis débiles.

Non se pode negar que a Primeira Guerra Mundial tivo un efecto demoledor nos principios morais da xente. Norman Cantor, citado antes, explica: “As persoas maiores quedaron completamente desacreditadas e as súas ideas sobre política, forma de vestir e conduta sexual deixaron de terse en conta”. A este deterioro moral contribuíron en gran medida as igrexas, que corromperon as ensinanzas cristiás ó apoiar a teoría da evolución e ó animar a xente a ir á guerra. O xeral de brigada británico Frank Crozier escribiu: “As igrexas cristiás son as mellores creadoras de actitudes sanguinarias que temos, e nós aproveitámonos diso”.

Déixanse a un lado as normas morais

Na década posterior á Primeira Guerra Mundial, nos chamados “tolos anos vinte”, cambiáronse os vellos valores morais pola actitude de “todo vale”. O historiador Frederick Lewis Allen dixo: “Poida que algún día, ós dez anos que viñeron despois da guerra se lles chame acertadamente ‘A década das malas maneiras’”. Despois engadiu: “Moitas persoas rechazaron as ideas establecidas sobre o que está ben e o que está mal e era difícil saber que valores seguir”.

A Gran Depresión dos anos trinta acabou coa euforia da década anterior e fixo que moitas persoas acabasen na pobreza máis extrema. Pero, a finais desa década, as nacións involucráronse noutra guerra aínda máis devastadora: a Segunda Guerra Mundial. As nacións empezaron a producir armas terribles e aínda que iso axudou a que se recuperase a economía, tamén fixo que a xente sufrise moitísimo. A guerra deixou centos de cidades en ruínas. No Xapón, dúas delas quedaron totalmente arrasadas, cada unha por unha bomba atómica. Ademais, millóns de persoas morreron en campos de concentración. En total, o conflito acabou coa vida de cincuenta millóns de homes, mulleres e nenos.

No medio do horror da Segunda Guerra Mundial a xente facía o que lle viña en gana sen respectar as normas morais tradicionais. O libro Love, Sex and War—Changing Values, 1939-45 (Amor, sexo e guerra. O cambio dos valores, 1939-45) explica: “Era como se a falta de restricións tolerada no campo de batalla se estendese ó ámbito civil e, polo tanto, mentres durase o conflito, quedasen suspendidas as restricións na conduta sexual. [...] O sentido de inseguridade e urxencia dos tempos de guerra fixeron que os límites morais se esvaecesen e a vida en moitos fogares parecese tan curta e insignificante coma no campo de batalla”.

A constante ameaza de morte intensificou o desexo de desfrutar de relacións sentimentais, aínda que fosen breves. Unha ama de casa británica xustificou así a permisividade sexual durante aqueles anos: “En realidade non eramos inmorais, o que pasa é que estabamos en guerra”. E un soldado estadounidense admitiu: “A maioría da xente podería pensar que a nosa conduta era inmoral, pero eramos novos e sabiamos que podiamos morrer ó día seguinte”.

Moitos sobreviventes daquela guerra continuaron sufrindo por culpa das horribles cousas que viron. E algúns deles, incluídos os que aínda eran nenos, seguen sufrindo na actualidade ó recordar e revivir aqueles sucesos traumáticos. Moitas persoas deixaron de crer en Deus e, como consecuencia, xa non tiñan unha idea clara do que está ben ou mal. Sentían que podían adaptar as súas normas morais ás circunstancias de cada momento.

Novas normas sociais

Despois da Segunda Guerra Mundial, publicáronse varios estudos sobre a conduta sexual das persoas. Un deles foi o Informe Kinsey, de máis de oitocentas páxinas, realizado nos Estados Unidos. Como resultado deste informe, moita xente comezou a falar con toda liberdade de cuestións sexuais, algo que antes non era moi habitual. Aínda que algúns datos que ofrecía o estudo resultaron ser esaxerados, o informe fixo evidente a decadencia moral que seguiu á guerra.

Durante un tempo, intentouse gardar as aparencias no relacionado coa moralidade. Por exemplo, na radio, no cine e na televisión, censurábanse os diálogos ou escenas inmorais. Pero iso non durou moito. William Bennett, anterior secretario de Educación dos Estados Unidos, explicou: “Na década de 1960, o país entrou nun rápido e continuo declive ata o que poderiamos chamar a descivilización”. E esta tendencia manifestouse en moitos países. Por que se acelerou a decadencia moral nos anos sesenta?

Durante esa década xurdiron de forma case simultánea o movemento da liberación da muller e a revolución sexual, coa súa “nova moralidade”. Ademais, empezaron a producirse píldoras anticonceptivas eficaces. A posibilidade de ter relacións sexuais sen risco de embarazo fixo que se xeneralizase o “amor libre”, é dicir, as relacións sexuais sen compromiso por ningunha das dúas partes.

Ó mesmo tempo, a prensa, o cine e a televisión perderon os seus códigos morais. O anterior director do Consello Nacional de Seguridade estadounidense, Zbigniew Brzezinski, dixo que os programas de televisión daquel tempo ensinaban que o pracer é o máis importante, que a violencia é normal e que é bo ter relacións sexuais con moitas persoas.

Para os anos setenta xa se popularizara o reprodutor de vídeo. Agora a xente podía ver na intimidade do seu fogar películas con contido sexual explícito que xamais irían ver a unha sala de cine. Máis recentemente, Internet puxo a pornografía máis detestable ó alcance de todo o que tivese un ordenador.

As consecuencias de todo o que vimos ata agora vense na actualidade. Por exemplo, o garda dunha prisión dixo que hai dez anos, cando algún rapaz ingresaba na prisión podía falar con el sobre o que está ben e o que está mal. Pero os que ingresan agora xa non son capaces de entender a diferenza.

O papel das igrexas

Non podemos acudir ás igrexas en busca de guía moral. En vez de defender os principios que ensinaron Xesús e os seus discípulos no século primeiro, as igrexas puxéronse de parte deste mundo corrupto. Un escritor dixo: “Non houbo ningunha guerra na que os implicados non dixesen que Deus estaba da súa parte”. E hai uns anos, un ministro relixioso de Nova York dixo que hai menos requisitos para pertencer a unha igrexa que para subir a un autobús. Está claro que fai falta un cambio.

[Frase destacada]

Durante a Primeira Guerra Mundial matouse a tantas persoas que a vida xa non tiña valor

[Recadro]

VIRTUDES E VALORES

Antes dicíase que alguén tiña virtudes para explicar que era unha persoa honrada, leal, casta e honorable. Agora, o termo “valores” substituíu a “virtudes”. Pero estes termos non son equivalentes. A historiadora Gertrude Himmelfarb no seu libro The De-Moralization of Society (A crise moral da sociedade) explica a diferenza: “Das virtudes non pode dicirse, como se di dos valores, [...] que cadaquén ten dereito a escoller as súas”.

Esta historiadora aclara que os valores “poden ser crenzas, opinións, actitudes, sentimentos, hábitos, costumes, preferencias, prexuízos e incluso formas de ser; é dicir, todo o que unha persoa, grupo ou sociedade valore nun determinado momento pola razón que sexa”. Na sociedade liberalizada de hoxe en día, a xente séntese autorizada a escoller os seus propios valores, do mesmo xeito que escollen os alimentos no supermercado. Pero, cando isto sucede, que pasa coa verdadeira virtude e moralidade?

[Imaxe]

O entretemento moralmente degradado está cada vez máis accesible