COMO SE USAN AS TÚAS DOAZÓNS
Puntiños que cambian vidas
1 DE OUTUBRO DE 2021
A revista The Watch Tower do 1 de xuño de 1912 dicía: “Probablemente moitos dos nosos lectores coñezan a unha persoa cega. As persoas cegas poden obter publicacións para ler gratuítas . . . Esta literatura está impresa en relevo, o que permite que a poidan ler”. E engadía: “Algúns cegos están moi agradecidos pola mensaxe de esperanza dun futuro cheo de bendicións”.
Cando se escribiron estas palabras aínda non había un único sistema de escritura en braille en inglés. Non obstante, as testemuñas de Xehová xa estaban transmitindo a verdade da Biblia en “escritura en relevo”, é dicir, en braille. E aínda seguimos facéndoo! Agora temos literatura en braille dispoñible en máis de 50 idiomas. Como é posible?
Transcrición e escritura en relevo
O primeiro paso para producir literatura en braille é transcribir o texto a caracteres braille. Michael Millen, que traballa en Procesamento de Texto en Patterson, Nova York, di: “No pasado, para a transcrición en braille empregabamos un programa informático comercial. Pero non servía para tódolos idiomas que precisabamos. Agora, empregamos o Watchtower Translation System, que permite a transcrición do braille á maioría dos idiomas do mundo. Penso que non existe ningún outro programa coma este”.
As nosas publicacións en braille inclúen non só o texto da publicación, senón tamén as descricións das imaxes. Por exemplo, a imaxe que aparece na portada da edición en braille do libro Desfruta da vida para sempre! descríbese así: “Un home botando a andar por un camiño con curvas rodeado de vexetación, vales e unha montaña moi bonita”. Jamshed, un servo ministerial e pioneiro cego, di: “Valoro moito as descricións das imaxes”.
Despois da transcrición, os arquivos envíanse ás sucursais para que se graven en braille. Entón a publicación grávase en relevo nun papel resistente para que non se rompa e non se deforme co uso. A continuación, xúntanse as páxinas, encadérnanse cunha espiral e envíanse cos pedidos de literatura ás congregacións. Tamén, se a oficina de correos ten este servizo, pódese enviar como “material gratuíto para cegos”. Ás veces, para que os irmáns teñan a tempo as publicacións para as reunións, as sucursais teñen que facer plans para envialas rapidamente.
Facer todo este traballo implica dedicar moito tempo e moitos cartos. De feito, a nosa imprenta en Wallkill, Nova York, produce 50.000 Biblias estándar no mesmo tempo que tarda en producir tan só 2 Biblias en braille. Cada Biblia en braille en inglés ocupa 25 volumes. Os materiais necesarios para facela custan 123 veces máis que os que se usan para producir unha Biblia estándar. Tan só as portadas para os 25 volumes custan uns 127 euros.
Que senten os irmáns que axudan a producir estas publicacións? Nadia, que serve na sucursal da República de Suráfrica, di: “Os nosos irmáns cegos ou con discapacidade visual non teñen unha vida sinxela. Por iso, é toda unha bendición poder axudarlles. Nótase que Xehová os quere moito”.
Aprende a ler braille
Pero que pasa si unha persoa cega non sabe ler braille? Hai uns anos publicamos o folleto titulado Aprenda a leer braille, que contén o texto impreso e o texto en braille. Deseñouse para que unha persoa cega e unha persoa que ve o usen xuntos. O folleto inclúe unha regreta e un punzón para que o alumno poida escribir en braille. Estes exercicios axúdanlle a recoñecer os caracteres, e así poder identificalos co tacto.
“Non podo parar de lelas”
Como beneficiaron estas publicacións os irmáns cegos ou con discapacidade visual? Ernst, que vive en Haití, adoitaba ir as reunións pero non tiña ningunha publicación en braille. Así que tiña que memorizar todo o que quería dicir tanto nas asignacións como nos comentarios. Pero agora di: “Podo levantar a man e comentar en calquera momento. Síntome coma un irmán máis, todos recibimos o mesmo alimento espiritual”.
Jan, un ancián con discapacidade visual de Austria que dirixe o estudo de “La Atalaya” e o estudo bíblico de congregación, di: “As nosas publicacións enténdense moito mellor que outras publicacións en braille. Por exemplo, temos as páxinas numeradas, notas moi fáciles de atopar e descricións de imaxes moi claras”.
Seon-ok, pioneira en Corea do Sur, é cega e xorda. Antes interpretábanlle as reunións facendo sinais nas súas mans. Pero agora, pode estudar a Biblia en braille. Ela di: “Outras publicacións en braille poden ser difíciles de ler porque faltan puntos, as liñas están torcidas ou o papel é demasiado delgado. Pero as testemuñas de Xehová usan un papel de mellor calidade e fan os puntiños máis grandes, o que facilita a súa lectura”. E engade: “No pasado só podía estudar a Biblia coa axuda doutros, pero agora podo estudala pola miña conta. Faime moi feliz prepararme para as reunións tódalas semanas e poder participar nelas. Leo tódalas nosas publicacións en braille, encántanme, non podo parar de lelas!”.
Tanto as nosas publicacións impresas como en braille inclúen o seguinte: “Esta publicación forma parte dunha obra mundial de educación bíblica sostida por doazóns voluntarias. Prohíbese a súa venda”. Grazas polas doazóns que fas a través dos diferentes métodos que atopamos en donate.mr1310.com. A túa xenerosidade fai posible que as publicacións baseadas na Biblia cheguen a tódalas persoas, incluídas as cegas e as que teñen discapacidades visuais.