Ir ó contido

Ir ó índice

A verdade. Segue sendo importante?

A verdade. Segue sendo importante?

 Paréceche que a liña que separa a verdade da mentira é cada vez máis fina? É posible que cada vez sexa máis difícil distinguir a verdade da mentira? Hoxe en día, moitas persoas se deixan levar polas emocións e as ideas persoais en vez de guiarse pola verdade e os feitos. Un exemplo disto é o termo “posverdade” que ultimamente se usa moito. a Esta palabra define moi ben a sociedade actual onde son moitos os que cren que non existe a verdade.

 Con todo, este punto de vista non é novo. Fai uns 2.000 anos, o gobernador romano Poncio Pilato preguntoulle a Xesús con escepticismo: “Que é a verdade?” (Xoán 18:38). Aínda que Pilato non esperaba unha resposta, a súa pregunta era importante. A Biblia dá unha resposta clara a esta pregunta e, neste mundo tan confundido, isto pode axudarnos a saber distinguir entre a verdade e a mentira.

Realmente existe a verdade?

 Si. A Biblia usa a palabra “verdade” para referirse ó que está baseado en feitos e tamén para falar do que está ben en sentido moral. Chama a Deus “o Deus da verdade” e ensina que Xehová b é a Fonte da verdade absoluta (Salmo 31:5, TNM). Na Biblia encontramos a verdade que vén de Deus e nela compárase a verdade cunha luz que pode guiarnos neste mundo cheo de confusión (Salmo 43:3; Xoán 17:17).

Como podes encontrar a verdade?

 Deus non quere que aceptemos a verdade da Biblia porque si. Máis ben, invítanos a examinala usando a nosa capacidade de razoar en vez de confiar nas nosas emocións (Romanos 12:1, TNM). El quere que o coñezamos e o amemos usando toda a nosa mente, e anímanos a comprobar que o que aprendemos da Biblia é a verdade (Mateo 22:37, 38; Feitos 17:11).

Cal é a orixe da mentira?

 A Biblia di que foi un inimigo de Deus quen dixo a primeira mentira: Satanás, o Demo. Por iso, na Biblia se lle chama o “pai da mentira” (Xoán 8:44). El mentiulles ós primeiros seres humanos sobre Deus (Xénese 3:1-6, 13, 17-19; 5:5). Dende entón, Satanás continuou difundindo mentiras e ocultando a verdade sobre Deus (Apocalipse 12:9, TNM).

Por que a mentira é tan común hoxe en día?

 A Biblia chámalle ó tempo no que vivimos os últimos días ou “días derradeiros”. Neste período, Satanás influíu nas persoas máis ca nunca antes. Por iso, é moi común que a xente diga mentiras para enganar a outros e aproveitarse deles (2 Timoteo 3:1, 13). Ademais, as mentiras tamén son habituais na maioría das relixións. Falando da xente dos nosos días, a Biblia predixo: “Amorearán mestres que lles agarimen os oídos. Afastaranse de escoita-la verdade” (2 Timoteo 4:3, 4).

Por que é importante a verdade?

 A verdade é a base da confianza. Agora ben, se non hai confianza non pode haber nin amizades sólidas, nin tampouco sociedades unidas. A Biblia explica que Deus quere que baseemos a nosa adoración na verdade. Di: “Cómpre que os que o adoran [a Deus], o adoren en espírito e verdade” (Xoán 4:24). Para aprender como a verdade da Biblia pode axudarche a identificar as mentiras da relixión e a liberarte delas, podes ler a serie de artigos: “Mentiras que nos apartan de Deus”.

Por que quere Deus que coñezas a verdade?

 Deus quere que vivas para sempre e, para iso, tes que coñecer a verdade sobre el (1 Timoteo 2:4, TNM). Se aprendes as normas de Deus sobre o que está ben e o que está mal e vives segundo elas, chegarás a ser o seu amigo (Salmo 15:1, 2, TNM). Ademais, para axudarlles ás persoas a aprender a verdade, Deus enviou a Xesús á Terra. Por iso, Deus quere que escoitemos as ensinanzas de Xesús (Mateo 17:5; Xoán 18:37).

Acabará Deus coa mentira?

 Si. Deus odia que as persoas conten mentiras para aproveitarse doutros. Así que prometeu acabar con tódalas persoas que non deixen de dicir mentiras (Salmo 5:6, TNM). Ó facelo Deus cumprirá a promesa: “Falar sincero dura para sempre” (Proverbios 12:19).

a Oxford Dictionaries escolleu a palabra “posverdade” como palabra do ano 2016.

b Xehová é o nome persoal de Deus. Este nome tamén pode traducirse como Iavé (Isaías 42:8). Le o artigo “Quen é Xehová?”.