Perdiches o traballo? Consellos da Biblia que che poden axudar
Perder o emprego pode pasarche factura non só en sentido económico senón que pode afectar tamén á túa vida de familia e a túa saúde mental e emocional. Ter en conta as seguintes suxestións baseadas en principios bíblicos pode axudarche a facerlle fronte ós desafíos de non ter un traballo.
Cóntalle a outros como te sentes.
O que di a Biblia: “Un amigo ama en todo tempo” (Proverbios 17:17).
Despois de perder o emprego, pode que esteas triste, enfadado, confundido ou que te sintas fracasado. A túa familia e os teus bos amigos poden axudarche a sentirte mellor se lles contas o que che pasa. Ata poden darche algún bo consello que che axude a atopar outro emprego.
Non te preocupes demasiado.
O que di a Biblia: “Así que non vos angustiedes polo de mañá; mañá xa traerá a súa angueira” (Mateo 6:34).
A Biblia anímanos a facer plans para o futuro (Proverbios 21:5). Pero tamén nos anima a non preocuparnos en exceso, xa que moitas veces nos preocupamos por cousas que nunca chegan a pasar. Por iso é mellor centrarse no que podes facer hoxe.
A Biblia ofrece consellos prácticos sobre como podes facerlle fronte ó estrés. Se queres coñecelos, le o artigo “Cómo controlar el estrés”.
Axusta o teu presuposto.
O que di a Biblia: “Estou ensinado [. . .] para ter de abondo e para non ter nada” (Filipenses 4:12).
Adáptate á túa situación actual. Isto inclúe facer cambios nos teus hábitos de consumo para que non gastes máis do que tes. Non te endebedes innecesariamente (Proverbios 22:7).
O artigo “Cómo vivir con menos” pode darche máis ideas de como adaptarte á túa nova situación económica.
Aproveita ben o tempo.
O que di a Biblia: “Andai con prudencia cos de fora, aforrando o tempo” (Colosenses 4:5, AGL).
Aínda que xa non teñas un horario de traballo, aproveita o teu tempo mantendo unha boa rutina. Isto axudarache a ter estabilidade na túa vida e aumentará a túa autoestima.
Esfórzate por ser adaptable.
O que di a Biblia: “Todo traballo ten o seu proveito” (Proverbios 14:23).
Debes estar disposto a facer outro tipo de traballo ó que esteas acostumado. Pode que teñas que aceptar traballos que parezan humildes ou nos que che paguen menos do que cobrabas antes.
Sé constante.
O que di a Biblia: “‘Sementa de mañá a túa semente e pola tarde non póuse-las túas mans’, xa que ignoras cal das dúas sementes vai medrar” (Eclesiastés 11:6).
Segue buscando traballo. Fala con parentes, coñecidos, antigos compañeiros e veciños, e cóntalles que estás buscando traballo. Consulta as axencias de emprego, busca anuncios e mira as ofertas de traballo nas páxinas web das empresas. Prepárate para ir a moitas entrevistas e enviar moitos currículos ata que o atopes.