DESEÑOUNO ALGUÉN?
A técnica de desova do peixe rei de California
Hai un peixe moi pequeno chamado peixe rei de California, que desova nas praias do Pacífico en California, Os Estados Unidos, e en Baixa California, México. Sabe exactamente en que días e en que momentos debería desovar para que as súas crías poidan sobrevivir.
Pensa nisto: Só desova durante as tres ou catro noites despois da marea máis alta que hai por cada lúa chea ou lúa nova. Se o fixera as noites anteriores a estas lúas, as mareas altas levaríanse os seus ó arrastrar a area da praia. Pero, ó facelo pouco despois da marea máis alta, pon os ovos a salvo porque as ondas que van retrocedendo van deixando area encima deles.
Durante a época de desova que hai na primavera e no verán, a marea máis alta da noite é sempre maior ca marea máis alta do día. Isto permite que o peixe nade máis lonxe e que manteña os ovos fóra do alcance das próximas mareas altas.
Para desovar, espera a onda máis grande e cóllea para chegar á praia, nadando o máis lonxe posible ata quedar na area. Cando a auga vai retrocedendo, a femia fai un burato na area mollada e entérrase a si mesma deixando só a cabeza fóra. Pon os ovos entre cinco e oito centímetros de profundidade e logo un ou máis machos fertilízanos. Despois, impúlsase repetidamente cara a auga e usa a seguinte onda para volver ó océano.
Os ovos desenvólvense na area húmida pero necesitan o movemento das ondas para eclosionar. Unhas dúas semanas máis tarde, no seguinte pico da marea, o pequeno peixe rei de California eclosiona, aínda que pode quedar alí unhas catro semanas ata a seguinte marea máis alta.
Que dirías: É a capacidade do peixe rei de California de saber cando e como desovar resultado da evolución? Ou deseñouna alguén?