Ir ó contido

De verdade existe o Demo?

De verdade existe o Demo?

O que di a Biblia

 Si, o Demo é un ser real, unha criatura espiritual que se volveu malvada e se revelou contra Deus. De feito, el é “o dono deste mundo” (Xoán 14:30, EME; Efesios 6:11, 12). A Biblia utiliza diferentes nomes descritivos que nos explican como é a personalidade do Demo.

  •   Satán, que significa “Opositor” (Xob 1:6).

  •   Diaño, que significa “Calumniador” (Apocalipse 12:9, AGL).

  •   Serpe, que na Biblia é sinónimo de enganador (2 Corintios 11:3).

  •   Tentador (Mateo 4:3).

  •   Mentireiro (Xoán 8:44).

Non é un símbolo do mal nin tampouco a maldade que hai dentro de nós

 Algúns pensan que Satanás o Demo é un símbolo do mal ou a maldade que hai dentro de todos nós, incluído Deus. Pero, na Biblia lemos unha conversación que houbo entre Deus e Satanás. Como Deus é perfecto, esta conversación non a puido ter cunha parte malvada de si mesmo (Deuteronomio 32:4; Xob 2:1-6). Do mesmo xeito, a Biblia tamén nos di que Satanás tentou a Xesús, un home libre de pecado (Mateo 4:8-10; 1 Xoán 3:5). Polo tanto, a Biblia mostra que o Demo é un ser real e non simplemente un símbolo do mal.

 Debería sorprendernos que moitas persoas crean que o Demo non é real? Para nada, xa que a Biblia di que Satanás utiliza o engano para conseguir os seus obxectivos (2 Tesalonicenses 2:9, 10). Un dos seus mellores trucos é conseguir que as persoas crean que non existe (2 Corintios 4:4).

Máis ideas equivocadas sobre o Demo

  Idea equivocada: Lucifer é outro nome que se lle dá ó Demo.

 Realidade: A palabra hebrea que nalgunhas traducións da Biblia se verte como “Lucifer” significa “resplandecente” (Isaías 14:12, TNM). O contexto mostra que este termo se refire á dinastía real de Babilonia, que Deus humillaría pola súa arrogancia (Isaías 14:4, 13-20). Cando a dinastía real de Babilonia caeu, chamóuselle en ton burlón “o resplandecente”.

  Idea equivocada: Satanás traballa para Deus.

 Realidade: O Demo é o inimigo de Deus, non o seu servo. Satanás o Demo tamén se opón ós servos de Deus e os acusa falsamente (1 Pedro 5:8; Apocalipse 12:10).