Ir ó contido

PREGUNTAS DA XUVENTUDE

Está mal a homosexualidade?

Está mal a homosexualidade?

 “Ó ir medrando, unha das cousas máis difíciles polas que pasei foi a atracción que sentía polas persoas do meu mesmo sexo. Adoitaba pensar que ía ser só unha fase, pero eses sentimentos aínda seguen” (David, 23 anos).

 David é un cristián que quere agradarlle a Deus. Pero, pode alguén que ten eses sentimentos facer o que Deus pide? Que pensa Deus sobre a homosexualidade?

 Que di a Biblia?

 O punto de vista sobre a homosexualidade pode variar dependendo do lugar e da época. Pero os cristiáns non nos deixamos levar pola opinión da xente. Non queremos ser “levados á deriva polas ondas de calquera corrente de doutrina” (Efesios 4:14). Máis ben, baseamos a nosa opinión sobre a homosexualidade e outros temas parecidos no que di a Biblia.

 A Palabra de Deus é moi clara cando fala das prácticas homosexuais. A Biblia di:

  •  “Non te deitarás con ningún home, coma se fose muller: é unha abominación” (Levítico 18:22).

  •  “Por iso Deus abandonounos ás cobizas dos seus corazóns [...], ás paixóns degradantes: as súas mulleres cambiaron o uso natural polo que é contra a natureza” (Romanos 1:24, 26).

  •  “Non vos enganedes. As persoas que son sexualmente inmorais, os idólatras, os adúlteros, os homes que se someten a actos homosexuais, os homes que practican a homosexualidade, os ladróns, os cobizosos, os borrachos, os inxuriadores e os extorsionadores non herdarán o Reino de Deus” (1 Corintios 6:9, 10, TNM).

 En realidade, as normas de Deus son para todo o mundo, sexa cal sexa a súa inclinación sexual. E espera que todos demostremos autocontrol cando nos vemos na tentación de participar en algo que lle desagrada (Colosenses 3:5).

 Quere dicir iso que...?

 Quere dicir iso que a Biblia promove a homofobia?

 Non. De feito, a Biblia non fomenta o odio por ninguén. Máis ben, di: “Procurade de tódolos xeitos a paz entre todos” (Hebreos 12:14). Polo tanto, estaría mal que un cristián se implicase en facer bullying ou participase en delitos de odio ou en calquera outro tipo de maltrato ós homosexuais.

 Quere dicir iso que os cristiáns temos que opoñernos ás leis que permiten os matrimonios entre persoas do mesmo sexo?

 A Biblia ensina que as normas de Deus sobre o matrimonio aplican á unión entre un home e unha muller (Mateo 19:4-6). Pero os debates sobre as leis humanas que regulan os matrimonios homosexuais son de tipo político, non moral. E a Biblia di que os cristiáns debemos permanecer politicamente neutrais (Xoán 18:36). Por iso, nin apoiamos nin nos opoñemos ás leis relacionadas cos matrimonios ou as prácticas homosexuais.

 Pero, que pasa se...?

 Pero, que pasa se unha persoa practica a homosexualidade? Podería cambiar?

 Si. De feito, algúns cristiáns do século primeiro fixérono. Despois de dicir que os que que practican a homosexualidade non herdarán o Reino de Deus, a Biblia di: “E iso erades algúns de vós” (1 Corintios 6:11, cursivas nosas).

 Significa iso que aqueles que deixaron de practicar a homosexualidade nunca máis se sentiron atraídos por persoas do mesmo sexo? Non. A Biblia di que debemos vestirnos “do home novo, que se vai anovando” (Colosenses 3:10, cursivas nosas). Polo tanto, ese cambio implica un proceso continuo.

 Pero, que pasa se unha persoa que quere agradarlle a Deus segue tendo desexos homosexuais?

 Como con calquera outro desexo, a persoa pode decidir non alimentar eses desexos nin deixarse dominar por eles. Como? A Biblia di: “Seguide andando de acordo co espírito e así non faredes realidade ningún desexo da carne” (Gálatas 5:16, TNM).

 Fíxate en que o texto non di que a persoa xa non terá desexos da carne. Máis ben, di que se ten unha boa rutina espiritual que inclúa o estudo da Biblia e a oración, será quen de resistir eses desexos.

 David, mencionado na introdución, comprobouno por si mesmo, sobre todo despois de falar cos seus pais sobre o que lle pasaba. El di: “Quiteime un enorme peso de enriba, e seguramente tería desfrutado máis da miña adolescencia se falase con eles antes”.

 Ó final, iranos mellor se vivimos como Xehová quere. Estamos convencidos de que “os mandatos do Señor son rectos: aledan o corazón” e de que quen os obedece será feliz (Salmo 19:9 [19:8, TNM]; Santiago 1:25).