Ir ó contido

Apreciaban as súas cartas

Apreciaban as súas cartas

 Brooke é unha testemuña de Xehová que vive nos Estados Unidos. Durante a pandemia da COVID-19 predicou escribindo cartas. De feito, escribía moitas cartas cada semana. Así e todo, un ano e medio despois sentíase moi desanimada. Ata entón só lle respondera unha persoa e foi para dicirlle que non lle volvese a escribir nunca máis. Brooke comezou a ter dúbidas. Pensaba que as súas cartas non lle estaban axudando a ninguén.

 Para ese tempo, outra Testemuña que traballa nun banco chamada Kim, faloulle a Brooke dunha conversa que tivera cun cliente. O home díxolle a Kim que recibira unha carta dunha testemuña de Xehová escrita a man. Resultou que era unha das cartas de Brooke! Á semana seguinte o cliente volveu ó banco. Mentres estaba falando con Kim, o home preguntoulle se podía asistir ás reunións de congregación que, por aquel entón, se estaban facendo por videoconferencia.

 Pouco tempo despois, David, outra Testemuña de Xehová, faloulle a Brooke dun compañeiro de traballo que recibira unha das súas cartas. Ler unha carta escrita a man impresionou tanto a esta persoa que dixo: “Máis xente debería demostrar este interese persoal noutros”. David aproveitou a oportunidade para falarlle máis sobre a Biblia e tamén para ofrecerlle algunhas publicacións. O home aceptou encantado.

 As testemuñas de Xehová dámonos conta de que non sempre somos conscientes do momento no que a semente da verdade comeza a crecer (Eclesiastés 11:5, 6). Aínda así, as experiencias de Brooke axudáronlle a ver que a súa participación na predicación é moi valiosa (1 Corintios 3:6).